Wednesday 08 de May de 2024

Xurxo Souto, Beatriz Campos e Quico Cadaval representaron Contos no Camiño ante o público pobrense


O Elma acolleu na tarde de onte, á luz das candeas, o espectáculo Contos no Camiño, a primeira das dúas
actividades que transcorrerán no mes de novembro enmarcadas no programa de dinamización lingüística FalaRedes 2020, da Secretaría Xeral da Política Lingüística para a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta (RDL), á cal o Concello da Pobra do Caramiñal pertence dende hai un ano a través do seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL).
As persoas asistentes puideron desfrutar dunha función de narrativa oral, onde tres contadores e contadoras galegas -Xurxo Souto, Beatriz Campos e Quico Cadaval- compartiron escenario cun guión inspirado no Camiño de Santiago, baseado en lendas e historias singulares, sen esquece-lo humor.
Por outra banda, a compañía A Cova das Letras traerá ás 18.30 horas do 19 de novembro o espectáculo Polo Camiño, contos da feira, unha proposta para a cal se empregan títeres de luva e de táboa e que se basea na tradición oral galega e mais noutras literaturas populares para narra-la historia dunha feira na cal conflúen seis personaxes que, cos seus contos e cantos, fan voa-la imaxinación do público: a fotógrafa minuteira, o fistor, Pepa a Loba, Pepa das Mulas, o vendedor de tarabelas e a posticeira.
As actividades son de balde e aptas para tódolos públicos. Seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19, polo cal se aconsella a reserva previa da entrada a través do teléfono de contacto 676666263, ben sexa chamando ou por whatsapp. A fin do prazo da inscrición é ás 16.00 horas do propio día dos eventos.